La Revolución gallega de 1846: invención proto-galeguista de proyección futura



A chamada Revolución Galega de 1846, encabezada por Miguel Solís e alimentada ideoloxicamente por Antolín Faraldo, adoita ser presentada pola historiografía dominante como un fito precursor do galeguismo político, unha sorte de alborada nacional que, esmagada pola forza, deixou en Carral unha semente de conciencia. Mais esta lectura, repetida con ton case litúrxico polos catecismos laicos do «nacionalismo», require unha revisión seria cando se contempla desde a óptica  contrarrevolucionaria, pois aquilo que se ergue en 1846 non é unha Galicia tradicional que se defende, senón unha Galicia xa penetrada polo espírito da Revolución, que combate non contra o mal radical do sistema, senón contra unha das súas formas concretas, siendo parte so menos mal, e querendo crear unha nova Galicia, só existente nos seus míolos.


Porque cómpre dicilo con claridade: o movemento de Solís non nace como reacción contra o liberalismo, senón como episodio interno del. Non hai aquí proclamación da lexitimidade dinástica nin restauración dos antigos foros, nin sequera unha apelación explícita á orde cristiá como fundamento da vida política; hai, máis ben, unha disputa entre faccións liberais, entre o moderantismo de Ramón María Narváez e as correntes progresistas que aspiraban a unha reorganización do Estado dentro das mesmas coordenadas revolucionarias. Neste sentido, o levantamento galego de 1846 participa plenamente dese mal que Pío IX denunciaba xa na súa primeira encíclica, ao sinalar como o liberalismo, lonxe de traer orde, sementa a discordia perpetua entre os homes e as nacións (Qui pluribus, 1846). Non estamos, pois, ante unha resistencia, senón ante unha revolución dentro da Revolución, un capítulo máis dese proceso de inestabilidade crónica que substituíu a unidade orgánica da Cristiandade pola alternancia de golpes e pronunciamentos.


E con todo, sería simplista reducir o acontecemento a un mero episodio liberal, pois xunto a esa raíz ideolóxica aparece un segundo elemento que merece consideración: o provincialismo galego. Neste punto, a figura de Faraldo resulta central, pois nel latexa unha intuición que, aínda confusa, apunta a un problema real: o carácter artificial e destrutivo do centralismo estatal nacido do liberalismo. A nova organización administrativa, que pretendía uniformar España desde Madrid, arrasaba coas realidades históricas, coas particularidades forais, co tecido orgánico das comunidades naturais. E aquí, por un instante, o movemento de 1846 parece tocar unha verdade que o carlismo defendería con firmeza: que a unidade política non pode construírse contra a diversidade histórica, senón desde ela, respectando os corpos intermedios e a tradición viva dos pobos.


Mais esta intuición, en vez de desenvolverse nunha liña de restauración da orde tradicional, desvíase cara a unha solución insuficiente e, no fondo, tamén moderna: a descentralización administrativa dentro do propio Estado liberal. Non se trata de recuperar a Galicia histórica como reino integrado nunha monarquía orgánica, senón de outorgarlle maior capacidade de xestión dentro dun sistema que segue tendo como fundamento último a soberanía humana e non a divina. É dicir, percíbese o dano —o centralismo uniformizador—, pero non se acerta co remedio, pois este debería pasar pola restauración da orde política cristiá, non pola súa reforma interna. Así, o provincialismo de 1846 queda a medio camiño, como un eco deformado dunha verdade máis alta que xa non se sabe formular con precisión.


E é precisamente nesta desviación onde comeza a xermolar o terceiro elemento, aquel que a historiografía contemporánea eleva a categoría de mito fundacional: o proto-galeguismo. En Faraldo e nos seus aparece unha linguaxe nova, impregnada de romanticismo político, na que Galicia comeza a ser presentada como suxeito colectivo con dereitos propios. Mais esta formulación, que podería parecer en aparencia próxima á defensa das tradicións, encerra un cambio profundo no principio de lexitimidade: xa non se trata de afirmar unha orde recibida de Deus, encarnada na historia e nos corpos sociais, senón de reivindicar a vontade dun pobo entendido como fonte de soberanía. E este desprazamento, aínda que revestido de amor á terra, non deixa de ser unha consecuencia do mesmo proceso revolucionario que dicía combater, pois substitúe a autoridade tradicional pola vontade colectiva, convertendo o sentimento en principio político.


O desenlace en Carral, co fusilamento dos chamados Mártires, engade ao episodio unha dimensión tráxica que facilita a súa posterior sacralización. Mais a emoción, por lexítima que sexa, non pode substituír o xuízo político. A morte daqueles homes merece respecto humano, pero non implica necesariamente a xustificación da causa pola que loitaron. Desde unha perspectiva carlista, o verdadeiro martirio político no século XIX español está ligado á defensa da Relixión, da lexitimidade monárquica e da orde tradicional fronte á Revolución, non á participación nunha das súas múltiples variantes.


Así pois, a Revolución Galega de 1846 aparece, á luz dunha análise contrarrevolucionaria, como un fenómeno híbrido: liberal no seu fundamento, provincialista na súa crítica parcial e proto-galeguista na súa proxección futura. Non é o comezo dunha restauración, senón un síntoma máis da descomposición dunha orde antiga que xa fora ferida de morte e da incapacidade do mundo novo para construír unha verdadeira harmonía. Como ensinaría Santo Tomás de Aquino, cando a comunidade política perde o seu principio superior e deixa de ordenarse ao ben común baixo Deus, oscila inevitablemente entre o despotismo centralizador e a fragmentación das vontades particulares, sen atopar nunca o equilibrio que só a verdade pode garantir. Galicia, en 1846, non se ergue aínda como suxeito da súa tradición, senón como eco dunha modernidade que, mesmo cando protesta, xa leva dentro de si o xerme da súa propia contradición.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Romance del que busca a la sirena

La invención de Galicia, al margen de la Galicia real e histórica

Romance de la Virgen Corredentora